A Fundación Laboral achega a máis de 4.100 alumnos/as de secundaria o programa ‘Ti elixes’ da Xunta contra os estereotipos en construción
A entidade paritaria rematou a súa cuarta colaboración coa campaña, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ofrecendo preto de 180 charlas en máis de 50 centros educativos de Galicia para impulsar a presenza de mulleres en sectores masculinizados coma o da construción.
- Charla de 'Ti elixes' no CPR Plurilingüe María Auxiliadora.
- Charla de 'Ti elixes' no IES Ordes.
- Charla de 'Ti elixes' no IES Antón Fraguas.
- Charla de 'Ti elixes' no IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez.
- Charla de 'Ti elixes' no CPR Plurilingüe San Narciso.
- Charla de 'Ti elixes' no CPI de Mosteiro-Meis.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia achegou a 4.134 alumnos/as de secundaria o programa ‘Que non te líen, ti elixes’ da Xunta dirixido a favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos con menor presenza de mulleres.
A entidade paritaria rematou este mes de maio a súa cuarta colaboración coa campaña, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ofrecendo un total de 179 charlas a alumnado de 3º e 4º da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) en 51 centros educativos de Galicia para impulsar a presenza de mulleres en sectores masculinizados coma o da construción.
Existen traballos de homes ou de mulleres?
As charlas de Fundación Laboral foron impartidas por Lucía Espiño e Diego Vázquez, persoal técnico da entidade paritaria en Galicia, e por Maruxa Barros, Sehila Lozano e Verónica Rivero, traballadoras do sector da construción, que lle trasladaron as súas experiencias ao alumnado.
Para impulsar a reflexión sobre os estereotipos e roles de xénero ligados ás profesións, plantexáronlles preguntas tales como "Existen traballos de homes ou de mulleres?" ou "Por que pensades que a porcentaxe de mulleres presentes no sector da construción é tan baixo en relación ao de homes?"
As sesións, cunha duración de 50 minutos, celebráronse durante abril e maio en 11 centros educativos de Galicia: IES Antonio Fraguas Fraguas (A Coruña), IES Ordes (A Coruña), CPR Plurilingüe Concepción Arenal (Ourense), CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Ourense), CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense), IES Universidade Laboral (Ourense), IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez (Pontevedra), CPR Plurilingüe San Narciso (Pontevedra), CPI de Mosteiro-Meis (Pontevedra), IES Luís Seoane (Pontevedra) e IES Rosais 2 (Pontevedra).
A necesaria incorporación da muller á construción
Aínda que a presenza de mulleres nas obras de construción segue a ser moi inferior con respecto aos homes, hai que destacar que, nos últimos anos, se foi incrementando. De feito, hoxe en día, as mulleres representan o 8,8% das persoas ocupadas en construción en Galicia, un aumento do 15,7% respecto a 2023, con 771 traballadoras máis, segundo o Informe de Mulleres 2024 do Observatorio Industrial de la Construcción.