A Fundación Laboral de la Construcción achega a máis de 500 novos/as alumnos/as o programa 'Ti elixes' da Xunta contra os estereotipos
A entidade paritaria colabora por sexta vez coa campaña, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ofrecendo 22 charlas en 10 centros educativas para impulsar a presenza de mulleres en sectores masculinizados coma o da construción.
-
A traballadora do sector Sehila Lozano compartiu co alumnado a súa experiencia en construción. -
Sesión impartida no CPR Malvedo en Coles (Ourense). -
Charla no IES Auga da Laxe en Gondomar (Pontevedra). -
Intervención no IES Poeta Díaz Castro en Guitiriz (Lugo) -
Sesión no IES Ramón Mª Aller Ulloa en Lalín (Pontevedra). -
Charla no PI Terras de Maside (Ourense). -
Intervención no IES do Milladoiro en Ames (A Coruña -
Sesión no CPI Curros Enríquez en Pazos de Borbén (Pontevedra). -
Charla no CPR Plurilingüe Santo Tomás en O Porriño (Pontevedra). -
Intervención no CPI Julia Becerra Malvar en Ribadumia (Pontevedra) -
Sesión no CPR Plurilingüe Abrente en Sanxenxo (Pontevedra).
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia achegou a 516 novos/as alumnos/as -252 rapazas e 264 rapaces- a campaña Que non te líen, ti elixes da Xunta de Galicia que ten como finalidade o fomento da presenza feminina en sectores masculinizados. Trátase da sexta colaboración da entidade paritaria con esta campaña na que se ofreceron 22 charlas a alumnado de 10 centros de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) entre os meses de abril e maio.
Dende o inicio deste programa en 2023, a Fundación Laboral de la Construcción chegou a máis de 5.500 alumnos/as a través de 234 sesións en 75 institutos de toda Galicia. Financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, a campaña busca "favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos enfocados nos ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres."
A importancia da elección formativa libre de estereotipos
As charlas de Fundación Laboral foron impartidas por Diego Vázquez, Ana Golpe e Lucía Espiño, persoal técnico da entidade paritaria en Galicia, e por Sehila Lozano, traballadora do sector da construción que participou como muller referente mostrando ó alumnado as súa experiencia e a importancia da elección formativa libre de estereotipos, como no seu caso particular.
As sesións, cunha hora de duración aproximada, celebráronse do 30 abril ao 26 de maio en 10 centros educativos de Galicia: IES do Milladoiro en Ames (A Coruña), IES Poeta Díaz Castro en Guitiriz (Lugo), CPI Terras de Maside (Ourense), CPR Malvedo en Coles (Ourense), IES Ramón Mª Aller Ulloa en Lalín (Pontevedra), CPI Curros Enríquez en Pazos de Borbén (Pontevedra), CPR Plurilingüe Santo Tomás en O Porriño (Pontevedra), CPI Julia Becerra Malvar en Ribadumia (Pontevedra), CPR Plurilingüe Abrente en Sanxenxo (Pontevedra) e IES Auga da Laxe en Gondomar (Pontevedra).
"Unha valoración final moi positiva"
A entidade paritaria fai "unha valoración final moi positiva" da campaña xa que "é o camiño para poder avanzar a prol da igualdade de oportunidades real entre homes e mulleres tanto no ámbito de elección educativa como no futuro ámbito laboral".
Ademais, a iniciativa recibiu unha "boa acollida" tanto por parte dos centros educativos como do alumnado que se mostrou "moi receptivo e participativo" sobre os temas tratados, especialmente no referente ao sector da construción que a maioría asociaba "case exclusivamente ao ámbito masculino".
Tamén resulta importante o relato da muller referente no sector xa que o alumnado puido "poñer nomes e caras reais a perfís que nun primeiro momento non se asociaría profesionalmente á construción".
Sectores como a construción, a madeira, o mar, o metal ou as TIC son aos que vai dirixida esta campaña que pon o énfase na importancia de escoller o rumbo profesional en función das motivacións, das habilidades, das capacidades e da actitude de cada persoa, desbotando a crenza de que non poida haber mulleres en sectores tradicionalmente ocupados por homes.
Incorporación da muller á industria da construción
A construción necesita incorporar man de obra para cubrir a xubilación dos/as profesionais que se retiran cada ano. Aínda que a presenza de mulleres no sector aumentou en postos técnicos e administrativos, hoxe en día seguen sen integrarse nos oficios da construción, nun momento no que non hai cuestións obxectivas polas que as mulleres non poidan desenvolver a súa carreira profesional a pé de obra como carpinteiras, fontaneiras, electricistas ou pintoras.
Segundo o Informe de Mulleres 2025 do Observatorio Industrial da Construción, hai 8.072 mulleres traballando no sector en Galicia, que representan o 10,3% do total das persoas ocupadas da industria na comunidade e o 5,4% do total de mulleres empregadas en construción.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia está traballando en proxectos para impulsar a incorporación de mulleres á industria da construción, tanto dende o punto de vista do emprego como da orientación laboral.