Fundación Laboral de la Construcción promove o programa 'RenÓbrate' en colaboración co Consorcio de Santiago e co Concello de Santiago
Orientado á cualificación profesional e á inserción laboral no sector da construción, o programa, impulsado xunto coa Xunta de Galicia, está dirixido a incorporar ao sector da construción a 20 persoas desempregadas maiores de 18 anos.
Combina formación teórico-práctica e experiencia profesional traballando durante 9 meses na mellora en espazos públicos da contorna con valor histórico ou etnográfico.
Fundación Laboral de la Construcción de Galicia promove, en colaboración co Consorcio de Santiago e co Concello de Santiago, o programa piloto de formación e emprego 'RenÓbrate', impulsado xunto coa Xunta de Galicia, e dirixido á cualificación profesional e á inserción laboral de persoas desempregadas no sector da construción. 20 participantes combinarán formación teórico-práctica e experiencia profesional traballando durante 9 meses realizando actuacións de mellora de espazos públicos da contorna do concello.
Mellora de espazos públicos
O proxecto, que se porá en marcha coa colaboración do Consorcio de Santiago e o Concello de Santiago incluirá 502 horas de formación. As 20 persoas participantes realizarán traballos de obras en pedra e cantería centrados na rehabilitación, reparación e acondicionamento de elementos singulares, urbanización e mobiliario urbano en pedra. A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago tutelará as actuacións e achegará a súa experiencia e coñecemento adquirido nos procesos de recuperación urbana do patrimonio construído.
O alumnado-traballador será contratado pola Fundación Laboral de la Construcción mediante un contrato de formación en alternancia durante os nove meses de duración do proxecto, percibindo unha retribución equivalente ao 100 % do Salario Mínimo Interprofesional vixente. A actividade laboral práctica suporá, como máximo, o 65% da súa xornada laboral.
O obxectivo final de 'RenÓbrate' é que o 60% do alumnado participante formalice, no prazo máximo de dous meses dende o remate do programa, un contrato de traballo durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas do sector relacionadas coas materias impartidas e ó ámbito territorial de Galicia.
Requisitos das persoas participantes
A selección das persoas participantes realizarase mediante un procedemento específico en colaboración coas entidades locais e coas oficinas de emprego de Galicia. Seleccionaranse 20 persoas así como unha listaxe de reserva. Así, o programa terá en conta o perfil das persoas participantes e a demanda do tecido produtivo, co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis flexible e conectado coa realidade laboral, complementando os itinerarios tradicionais cunha aprendizaxe vinculada ó traballo efectivo en cada contorna.
Os requisitos das persoas participantes son os seguintes:
- Estar desempregadas e ter 18 anos ou máis.
- Estar inscritas como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
- Cumprir os requisitos legais para formalizar un contrato de formación en alternancia durante toda a etapa do programa.
- Cumprir os requisitos de acceso ao nivel formativo ou ás especialidades que resulten aplicables.
- Aceptar as condicións básicas do proxecto e respectar as indicacións do persoal técnico da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago.
Formación conectada coa actividade real
A iniciativa aposta por unha formación non vencellada a un itinerario regrado, senón conectada coa actividade real que desenvolverá o alumnado, para mellorar as súas oportunidades de inserción laboral no sector da construción.
Na actualidade existe unha demanda extraordinaria de emprego na rehabilitación do patrimonio construído, polo que o programa pode xerar oportunidades reais de emprego estable para persoas traballadoras interesadas e dispostas a aprender un oficio.
O convenio do programa, asinado entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a entidade paritaria de Galicia, foi aprobado no Consello da Xunta e conta cun investimento de 1.890.208 euros para os anos 2026 e 2027.