O CEGOR consolídase como especialización referente do sector con máis de 130 persoas formadas dende 2019
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, en colaboración co Consorcio de Santiago, inaugurou hoxe a sétima edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación cun acto no que participaron Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela e José Antonio Domínguez, xerente do Consorcio de Santiago.
A sétima edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR), organizado pola Fundación Laboral de la Construcción (FLC) de Galicia en colaboración co Consorcio de Santiago, inaugurouse hoxe coa celebración dun acto ao que asistiron Alejandra Gesto Montes, vicepresidenta do Consello Territorial de Galicia de FLC; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; e Iago Lestegás Tizón, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica.
A rehabilitación, eixe fundamental do sector
Alejandra Gesto, vicepresidenta da FLC en Galicia, destacou a importancia de impulsar accións formativas pioneiras coma a do CEGOR para fomentar a “profesionalización e especialización das persoas traballadoras do sector”. A vicepresidenta do Consello Territorial de Galicia de FLC animou a poñer en valor o sector da construción para atraer a man de obra cualificada, especialmente, a colectivos con presenza aínda minoritaria nos oficios como o das mulleres.
Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, situou “a rehabilitación como un eixe fundamental das políticas do concello”. Segundo indicou, “a rexeneración urbana é un gran reto que nos permite optimizar o emprego dos recursos naturais, mellorar o comportamento climático do parque inmobiliario e das cidades, aumentar o confort e a calidade de vida das persoas usuarias e, ao mesmo tempo, preservar o patrimonio arquitectónico e cultural”. A alcaldesa de Santiago resaltou a importancia de crear “sinerxias entre entidades como a Fundación Laboral” para “recuperar e apostar polos oficios tradicionais e fomentar os sistemas produtivos de proximidade”.
Formación con máis de 40 expertos/as da industria
Máis de 130 profesionais formáronse dende 2019 no CEGOR, que se consolida como unha especialización referente do sector a nivel nacional. Na edición que arrinca hoxe participan preto de 20 profesionais, técnicos/as e xefes/as de obras de rehabilitación que se formarán os venres e sábados no Centro de Santiago (Rúa Pontepedriña de Arriba, 13 (zona Romaño) da FLC.
A chegada dos fondos de Recuperación Next Generation EU supuxo un impulso á reforma de edificacións para mellorar a súa eficiencia enerxética e de baixar o seu consumo e emisións xa que os edificios representan o 40% do consumo de enerxía final da Unión Europea (Directiva 2012/27/UE). Por iso, a rehabilitación é fundamental para conseguir uns estándares de calidade de vida mellores e para reducir o impacto medioambiental.
O CEGOR ofrece formación ao seu alumnado con máis de 40 expertos/as recoñecidos/as do sector a través de clases teóricas e talleres prácticos sobre técnicas e oficios como o estucado, a cantería, a forxa ou a madeira, así como visitas a empresas para coñecer distintos materiais construtivos. Coordinado polo arquitecto Ángel Panero, aporta unha visión integral da xestión administrativa, económica e legal dunha obra de rehabilitación e propicia o coñecemento de materiais e técnicas construtivas así como as instalacións e eficiencia enerxética.