A Fundación Laboral achegou a máis de 1.200 alumnos/as de secundaria de Galicia a campaña 'Ti elixes' da Xunta contra os estereotipos
A entidade paritaria e os centros educativos valoran a "boa acollida" deste programa xa que é unha ferramenta para "poder avanzar na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres".
Rachar cos estereotipos en sectores masculinizados. É o obxectivo da campaña 'Que non te líen, ti elixes' da Xunta de Galicia na que a Fundación Laboral de la Construcción de Galicia achegou o sector da construción a máis de 1.200 alumnos/as (597 mulleres e 605 homes) de 14 centros de 3º e 4º de educación secundaria a través de 56 charlas nas que se reflexionou sobre a importancia de que as eleccións profesionais estean libres de condicionantes de xénero.
Esta campaña, financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, busca "favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos enfocados nos ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres." As charlas de Fundación Laboral foron impartidas por Ana Golpe Pereira, técnica da entidade paritaria en Galicia, e Maruxa Barros, profesional do sector especializada en traballos verticais, que tamén é docente da Fundación Laboral.
Durante as sesións, animouse ao alumnado a reflexionar sobre a baixa porcentaxe de mulleres que traballan no sector, facendo fincapé nos estereotipos e nos roles de xénero ligados ás profesións. Ademais, presentáronse os itinerarios e as posibilidades formativas do sector que ofrece a Fundación Laboral de la Construcción de Galicia.
Balance das sesións divulgativas
Dende a entidade paritaria, a valoración das sesións é "positiva" xa que é unha ferramenta para "poder avanzar na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres". Na mesma liña, os departamentos de orientación dos centros educativos trasladaron á Fundación Laboral a "boa acollida" deste tipo de programas "para seguir traballando en beneficio dun alumnado libre de condicionantes de xénero para poder elixir o seu itinerario tanto formativo coma laboral".
As sesións, de 50 minutos de duración, ofrecéronse durante os meses de abril e maio en 14 centros educativos de Galicia: IES Ramón Caamaño (Ferrol), CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro), IES de Porto do Son (Porto do Son), IES Terra do Xallas (Santa Comba), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), CPI Terras de Maside (Maside), IES Universidade Laboral (Ourense), IES Monte das Moas (A Coruña), IES David Buján (Cambre), IES Manuel Murguía (Arteixo), IES Agra do Orzán (A Coruña), CPI Plurilingüe Virxe do Monte (Cospeito) e IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña).
A necesaria incorporación da muller á industria da construción
A construción necesita incorporar man de obra para cubrir a xubilación dos preto de 1.700 profesionais que se retiran cada ano. Aínda que a presenza de mulleres no sector aumentou en postos técnicos e administrativos, hoxe en día seguen sen integrarse nos oficios da construción, nun momento no que non hai cuestións obxectivas polas que as mulleres non poidan desenvolver a súa carreira profesional a pé de obra como carpinteiras, fontaneiras, electricistas ou pintoras.
Segundo o Informe de Mulleres 2023 do Observatorio Industrial da Construción, hai 6.487 mulleres traballando no sector en Galicia, que representan o 8,5% do total das persoas ocupadas da industria na comunidade e o 5,4% do total de mulleres empregadas en construción.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia está traballando en proxectos para impulsar a incorporación de mulleres á industria da construción, tanto dende o punto de vista do emprego como da orientación laboral. A entidade paritaria está traballando en lanzar unha nova edición de ‘Construíndo en feminino’, un programa iniciado o ano pasado en colaboración con Fundación “laCaixa” para impulsar a incorporación de mulleres á industria da construción e que conseguiu unha inserción laboral do 43,7% das participantes.