A Fundación Laboral de la Construcción en Galicia lanza a sexta edición de CONSTRÚATE para incorporar xente nova á industria
Máis de 65 mozos/as e máis de 35 empresas xa teñen participado neste proxecto da entidade paritaria dende que se iniciou en 2021.
Atraer a mulleres ao sector é un dos principais retos desta nova edición que comezará en xullo no Centro de Santiago de Compostela.
-
A sexta edición de CONSTRÚATE dará comezo en xullo no Centro de Santiago da Fundación Laboral. -
Niccolla León, de 21 anos, é un dos participantes de CONSTRÚATE -
Rubén Iñíguez, de 25 anos, tamén participa no proxecto -
Samuel Carbia, de 18 anos, leva xa case dous anos no programa. -
Lucía Dopico Díaz, traballadora de Prace, empresa participante no programa. -
Álvaro Iribarnegaray, socio de Escayolas Compostela, unha das empresas participantes en CONSTRÚATE
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia lanza a sexta edición de CONSTRÚATE, unha exitosa aposta pola incorporación de persoal traballador novo á industria da construción, pola que xa pasaron máis de 65 mozos/as e 35 empresas do sector. Atraer a mulleres ao sector é un dos principais retos desta nova edición que comezará o próximo mes de xullo no Centro de Santiago de Compostela (Rúa Pontepedriña de Arriba, 13 (zona Romaño).
CONSTRÚATE é un proxecto da Fundación Laboral, iniciado en 2021, que ten como obxectivo a incorporación de traballadores/as de menos de 30 anos (inscritos/as como demandantes de emprego e sen experiencia no sector) a empresas do sector para traballar e formarse mediante un Contrato de Formación en Alternancia.
Os/as mozos/as que queiran sumarse a CONSTRÚATE adquirirán experiencia laboral nunha empresa do sector durante 12 meses, remunerada e con cobertura social mais dereito a desemprego pero, ademais, obterán unha cualificación profesional en ocupacións moi demandadas actualmente.
Niccolla, Samuel, Jacobo e Rubén, contentos coas súas experiencias
Niccolla León, de 21 anos, leva traballando dous anos e xa se sente integrado na empresa cos seus/súas compañeiros/as. Destaca que, mediante este tipo de Contrato de Formación en Alternancia, facilítase complementar a experiencia en obra coa formación: "O que non aprendes no traballo, apréndelo no taller e igualmente, o que non ves na aula, velo na obra", resalta.
Tamén están a rematar o seu segundo ano en CONSTRÚATE Samuel Carbia e Jacobo Rey que, con 18 e 19 anos, están contentos co seu paso polo programa. "Gústame a experiencia e recomendo que a xente nova veña aquí para enterarse do que é a construción", comenta Samuel. Entre as partes positivas, aparte de cobrar unha nómina, destaca que lle gusta ver como evoluciona a obra grazas ao seu traballo.
Pola súa parte, Rubén Íñiguez, de 25 anos, tamén valora como "positiva" a súa experiencia en CONSTRÚATE. "Na Fundación Laboral, aprendes moitos campos do traballo en construción", sinala. Na súa opinión, recomendaría a outras persoas unirse ao proxecto porque "se necesitan moitos profesionais neste campo e a xente nova é o futuro do sector".
Escayolas Compostela e Prace: "É unha vía para atopar man de obra e relevo xeracional"
Álvaro Iribarnegaray, socio de Escayolas Compostela, está contento cos resultados que está a ter a súa participación en CONSTRÚATE. "Temos a dous rapaces traballando con nós e fóronse adaptando ben ao traballo e á empresa, á vez que foron aprendendo e evolucionando. De feito, agora queremos que continúen a traballar con nós", asegura.
Álvaro recomenda a outras empresas participar no proxecto para poder contratar a persoal cualificado. "Agora mesmo hai escaseza de man de obra e esta é unha vía para atopar a xente para traballar. Por un lado, traballan con nós e, por outro, fórmanse facendo cursos continuamente e iso é bo", afirma.
"A demanda de persoal cualificado é moi importante para o sector", asegura Lucía Dopico, profesional do departamento laboral de Prace. Lucía valora especialmente a oportunidade que lles brinda CONSTRÚATE para contratar a xente nova e así "acadar o relevo xeracional que tanto necesitamos". "É unha iniciativa que recomendaría á xente nova porque lles abre as portas ao mercado laboral, xa que consiguen unha experiencia que doutro xeito sería imposible e ás empresas porque é un modo de facer atractivo o noso oficio ás xeracións máis novas", destaca Lucía.