A Fundación Laboral de la Construcción levará a 10 centros educativos o programa 'Ti elixes' da Xunta de Galicia contra os estereotipos
A entidade paritaria colabora por sexta vez coa campaña, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ofrecendo 28 charlas para impulsar a presenza de mulleres en sectores masculinizados coma o da construción.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia participa un ano máis na campaña Que non te líen, ti elixes da Xunta de Galicia que ten como finalidade o fomento da presenza feminina en sectores masculinizados. Será a sexta colaboración da entidade paritaria con esta campaña ofrecendo, esta vez, 28 charlas a alumnado de 10 centros de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) despois de ter chegado a máis de 5.000 alumnos/as ao longo de 212 sesións en 65 institutos dende o inicio da campaña o ano pasado.
Esta campaña, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, busca "favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos enfocados nos ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres."
As charlas de Fundación Laboral serán impartidas por persoal técnico da entidade paritaria en Galicia, e por mulleres profesionais que traballan no sector da construción que lle trasladarán as súas experiencias aos/ás rapaces/as.
Sesións divulgativas en 10 centros educativos de Galicia
As sesións, cunha hora de duración aproximada, celebraranse durante os meses de marzo e maio en 10 centros educativos de Galicia: IES do Milladoiro en Ames (A Coruña), IES Poeta Díaz Castro en Guitiriz (Lugo), CPI Terras de Maside (Ourense), CPR Malvedo en Coles (Ourense), IES Ramón Mª Aller Ulloa en Lalín (Pontevedra), CPI Curros Enríquez en Pazos de Borbén (Pontevedra), CPR Plurilingüe Santo Tomás en O Porriño (Pontevedra), CPI Julia Becerra Malvar en Ribadumia (Pontevedra), CPR Plurilingüe Abrente en Sanxenxo (Pontevedra) e IES Auga da Laxe en Gondomar (Pontevedra).
Sectores como a construción, a madeira, o mar, o metal ou as TIC son aos que vai dirixida esta campaña que pon o énfase na importancia de escoller o rumbo profesional en función das motivacións, das habilidades, das capacidades e da actitude de cada persoa, desbotando a crenza de que non poida haber mulleres en sectores tradicionalmente ocupados por homes.
Incorporación da muller á industria da construción
A construción necesita incorporar man de obra para cubrir a xubilación dos/as profesionais que se retiran cada ano. Aínda que a presenza de mulleres no sector aumentou en postos técnicos e administrativos, hoxe en día seguen sen integrarse nos oficios da construción, nun momento no que non hai cuestións obxectivas polas que as mulleres non poidan desenvolver a súa carreira profesional a pé de obra como carpinteiras, fontaneiras, electricistas ou pintoras.
Segundo o Informe de Mulleres 2025 do Observatorio Industrial da Construción, hai 8.072 mulleres traballando no sector en Galicia, que representan o 10,3% do total das persoas ocupadas da industria na comunidade e o 5,4% do total de mulleres empregadas en construción.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia está traballando en proxectos para impulsar a incorporación de mulleres á industria da construción, tanto dende o punto de vista do emprego como da orientación laboral.