A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia e a Xunta lanzan o proxecto 'Benseguro' para reducir a sinistralidade laboral no sector
O convenio asinado entre a entidade paritaria do sector en Galicia e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, inclúe a creación dun plan piloto de asesoramento técnico de prevención para obras de construción, cun equipo especializado que percorrerá Galicia asesorando e ofrecendo solucións de seguridade e saúde.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia e a Xunta de Galicia presentaron hoxe o proxecto BENSEGURO, un servizo de asesoramento en seguridade e saúde laboral de obras de construción. Esta iniciativa, presentada hoxe na Sede da entidade paritaria en Santiago de Compostela, é totalmente pioneira en España e está dirixida a reducir a sinistralidade laboral no sector da construción, con especial atención ás obras menores, que concentran un maior volume de accidentes.
“Un proxecto valente que nace do diálogo social”
O presidente do Consello Territorial de Galicia de Fundación Laboral, Diego Vázquez Reino, celebrou a posta en marcha de BENSEGURO como un “proxecto valente e unha aposta decidida por parte do empresariado e da Administración” que nace “froito do diálogo social e da negociación colectiva” cun obxectivo moi claro: “que non haxa ningunha morte máis no sector.”
A vicepresidenta do Consello Territorial de Galicia de Fundación Laboral, Alejandra Gesto Montes, quixo poñer en valor que esta “iniciativa paritaria nace do diálogo social, da reflexión e da búsqueda de solucións a algo tan preocupante como é a sinistralidade laboral”.
O vicepresidente do Consello Territorial de Galicia de Fundación Laboral, Javier Carreiro Vázquez, sinalou que “é inasumible seguir mantendo estes niveis de sinistralidade no sector”. Por iso, destacou a importancia de Benseguro para “chegar directamente a onde se necesita para previr accidentes laborais”.
O Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, destacou que se trata dun “paso máis na colaboración público-privada en materia de prevención de riscos laborais no sector da construción”, que “permite actuar directamente nos lugares onde se producen os riscos” complementándose cunha “campaña de concienciación social centrada en promover a importancia da contratación responsable e segura”.
Ao acto tamén asistiron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández Callejo, entre outras autoridades.
Principais liñas de actuación: asesoramento técnico e concienciación social
Entre as principais novidades de BENSEGURO, destaca un pioneiro plan piloto de asesoramento en prevención cun equipo técnico encargado de realizar visitas a obras sen proxecto para asesorar en seguridade laboral e ofrecer in situ solucións axeitadas. Esta intervención directa permitirá actuar nos lugares onde se producen os riscos, complementándose cunha campaña de concienciación social centrada en promover a importancia da contratación responsable e segura.
- Plan piloto de asesoramento para facer fronte á sinistralidade que se concentra en pequenas empresas e intervencións de mantemento ou rehabilitación sen proxecto técnico. Este servizo conta cun equipo especializado formado por un/unha xefe/a de proxecto, un/unha técnico/a coordinador/a, un/unha técnico/a asesor/a e dous/dúas axentes despregados/as no territorio, un para A Coruña e Lugo e outro para Pontevedra e Ourense. O seu labor, de carácter preventivo, consiste en percorrer a xeografía galega asesorando en seguridade e saúde laboral. Esta intervención complementarase coa elaboración de informes non vinculantes que permitan coñecer o estado real das condicións de traballo no sector e deseñar políticas máis eficaces.
- Campaña de concienciación co obxectivo de informar a cidadanía sobre a importancia de contratar obras de xeito profesional, responsable e respectando as medidas de seguridade recollidas na normativa vixente. A iniciativa tamén abordará, desde unha perspectiva divulgativa, as implicacións legais que pode ter a contratación de servizos de construción sen as garantías adecuadas.
O proxecto, que conta cun investimento total de 200.000 euros, dos cales a Xunta achegará 120.000 euros e a Fundación o 40 % restante, terá vixencia ata o 30 de xuño de 2026, sendo prorrogable ata un máximo de 4 anos.