O sector da construción rexistra en febreiro 78.541 persoas traballadoras afiliadas en Galicia, unha suba do 4,2% respecto a 2021
A previsión de necesidade de nova man de obra cualificada para traballar na industria oscila entre 1.618 e 5.358 operarios/as
O sector da construción en Galicia tivo unha afiliación de 78.541 traballadores/as en febreiro deste ano, 3.188 máis que en febreiro de 2021, rexistrando un incremento do 4,2%, segundo datos de Afiliación á Seguridade Social rexistrados polo Observatorio Industrial da Construción.
Este crecemento do emprego no sector xa se iniciou previamente á crise da Covid, xa que se se compara febreiro de 2022 con febreiro de 2019, obsérvase un aumento de 1.764 persoas traballadoras.
O sector da construción en Galicia contaba cunha subida interanual de afiliación superior ao 2% dende principios do ano 2018. Esta tendencia, freada pola crise do coronavirus de 2019 e 2020, retomouse este ano xa dende xaneiro, cun aumento na afiliación de 2.892 persoas máis que no mesmo mes do ano 2021.
Necesidade de nova man de obra cualificada: entre 1.618 e 5.358 persoas
Á hora de estimar a posible necesidade de novos/as traballadores/as cualificados/as para traballar no sector, poderían darse tres escenarios:
-
Se o crecemento é igual á media que levaba o emprego no sector nos últimos tres anos, descontando o efecto da Covid, situaríase ao redor do 3%. Este é o escenario máis probable e significaría unha incorporación de preto de 4.140 novas persoas traballadoras durante o próximo ano.
-
No caso de situarnos nun escenario como o que marca Funcas a nivel estatal, que fala dun aumento na inversión en construción para 2022 do 10,1% ou do BBVA que fala dun 14%, poderíase chegar a necesitar en Galicia ata 6.000 novas persoas traballadoras.
-
Se supoñemos un crecemento 0 do sector, necesitaríanse 1.814 novos traballadores durante o próximo ano. Este caso non parece moi probable debido ó aumento da licitación de obra pública do ano pasado, unido aos fondos europeos do plan de recuperación, cunha importante partida orzamentaria ligada ó sector da construción.
Durante o ano 2021, só o 10,8% dos contratos rexistrados son de peóns e o resto de persoal cualificado, polo que se estaría a falar dunha necesidade de entre 1.618 e 5.358 novos traballadores cualificados. O máis probable é que o sector necesite incorporar entorno a 3.693 novos traballadores cualificados en Galicia.
Datos de xubilacións e paro
Analizando os microdatos da EPA e extrapolando a porcentaxe de traballadores/as de 63 anos ou máis, nun ano abandonaron o sector por xubilación ou proximidade á mesma 1.814 persoas.
No referente ao paro, segundo os datos da EPA do cuarto trimestre de 2021, en Galicia había 2.800 parados con experiencia en construción, dos cales 500 levan menos de tres meses no paro. Debido á alta rotación, é difícil que esta cifra de parados se reduza debido ao tempo que se tarda entre que remata unha obra e se firma o contrato para a seguinte. Polo tanto, na actualidade, poderiamos ter arredor de 2.300 parados con experiencia no sector.