A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia presentará as actividades de OPPC nunha xornada técnica o 30 de maio en Santiago
A entidade paritaria dará a coñecer un informe sobre a sinistralidade laboral no sector da construción en Galicia.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e a empresa Layher impartirán dúas ponencias e un taller práctico sobre normativa e seguridade en andamios.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia celebrará o vindeiro 30 de maio no seu Centro de Santiago de Compostela unha xornada técnica para facer balance das actividades de OPPC (Organismo Paritario para a Prevención en Construción) e presentar o Plan de OPPC para 2023. Durante o evento, que se desenvolverá de 10.00 a 13.15 horas, darase a coñecer un informe sobre a sinistralidade laboral no sector da construción en Galicia e tamén se impartirán dúas ponencias e un taller adicados á normativa e á seguridade en andamios a cargo do ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia) e da empresa Layher.
Programa da xornada
A xornada, aberta aos medios de comunidación, comezará ás 10.00 horas cunha benvida a cargo de Diego Vázquez Reino, Presidente do Consello Territorial de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción; de Alejandra Gesto Montes, Vicepresidenta do Consello Territorial de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción (Secretaria Xeral de CC.OO. do Hábitat de Galicia) e de Javier Carreiro Vázquez, Vicepresidente do Consello Territorial de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción (Secretario Xeral de UGT-FICA Galicia).
A continuación, intervirán Adela Quinzá-Torroja García, Xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) da Consellería de Promoción do emprego e Igualdade de Xunta de Galicia e Demetrio Ángel Fernández y López, Director Territorial de Inspección de Traballo e S.S. en Galicia do Ministerio de Trabajo y Economía Social.
Informe sobre estatísticas de sinistralidade laboral
A partir das 10.45 horas, Luis Vázquez de Soto, responsable de Seguridade e Saúde Laboral do Consello Territorial de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción, presentará un Informe sobre datos estadísticos de sinistralidade laboral no sector da construción, o Informe de actividades de 2022 e a Planificación de actividades OPPC 2023.
Tras unha pausa café, a partir das 11.20 horas, Pablo García Fernández do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), impartirá unha ponencia adicada á Posta en práctica da normativa sobre Andamios. A continuación, a partir das 12.10 horas, José Puente González, responsable de Prevención e Calidade de Layher España, realizará unha intervención sobre O andamio como xerador de seguridade en obra así como a práctica en taller Demostración de montaxe de sistema AGS e de Torre Aluminio Solotower. A xornada rematará ás 13.15 horas cun coloquio.
O Organismo Paritario para a Prevención en Construción (OPPC) é unha entidade creada en 2001 para prestar apoio en materia preventiva ás pequenas e medianas empresas do sector.