A Fundación Laboral de la Construcción convértese en colaboradora da Rede de centros asociados de formación para o emprego da Xunta
No acto de presentación, celebrado na Sede en Santiago de Compostela (A Coruña) da entidade paritaria, participou Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, que estivo acompañada por membros do Consello Territorial da FLC en Galicia
-
Visita ao curso de enerxía fotovoltaica no Centro de Santiago de FLC Galicia. -
Visita ao curso de domótica no Centro de Santiago de FLC Galicia. -
Visita ao curso de albanelería no Centro de Santiago de FLC Galicia. -
Zeltia Lado e Fernando García durante o acto de presentación. -
Zeltia Lado e Fernando García durante o acto de presentación. -
O alumnado dos cursos de albanelería, enerxía fotovoltaica e domótica asistiu á presentación.
A Fundación Laboral de la Construcción acaba de converterse en colaboradora da Rede de centros asociados de formación para o emprego da Xunta de Galicia, en virtude dun acordo marco concedido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Este proxecto piloto, que terá unha duración de dous anos, ten como obxectivo desestacionalizar a formación e manter unha oferta formativa estable e adecuada ás necesidades do mercado laboral, importante para a cualificación e inserción laboral de persoas traballadoras no sector da construción.
Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta de Galicia, participou onte no acto de presentación celebrado en Santiago de Compostela, acompañada por Luis Rodas García, Eugenio Corral Álvarez e Cesáreo Fernández Ríos, vogais do Consello Territorial da entidade paritaria en Galicia así como por Fernando García Novo, xerente do Consello de Territorial de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción.
Unha inserción laboral do 42%
Logo de visitar varios cursos de albanelería, enerxía fotovoltaica e domótica que se están a impartir no Centro de Santiago da entidade paritaria, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego puxo de relevo o “papel esencial” da entidade paritaria á hora de “dotar un sector económico fundamental como o da construción das ferramentas formativas que precisan tanto as persoas traballadoras en activo como as novas que se incorporan”.
Fernando García Novo, xerente do Consello de Territorial de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción, destacou que máis de 100 persoas desempregadas xa remataron a súa formación na Fundación Laboral de la Construcción de Galicia dentro deste acordo marco. Delas, o 42% xa está traballando nas empresas do sector nas que fixeron as prácticas, e confía en que este número se incremente substancialmente nos próximos meses. Ademais, máis de 200 persoas desempregadas están formándose en accións formativas das familias de Edificación e Obra Civil, Máquinas Electromecánicas e Enerxías Renovables, para as que está previsto lanzar un total de 840 prazas nos dous anos de duración do acordo.
Zeltia Lado Lago destacou que este é un primeiro programa “piloto” e “pioneiro a nivel estatal” que ten por obxectivo dar unha “resposta inmediata” a problemas como a “necesidade constante de incorporar xente para traballar nun sector envellecido que vai ter xubilacións moi próximas e, polo tanto, con moitas oportunidades.” A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego salientou que, atendendo aos primeiros resultados de inserción, “o programa está ben formulado e seguiremos apostando por el”.
"Unha oferta formativa estable e continua"
Fernando García Novo, xerente do Consello de Territorial de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción, destacou que este acordo é “moi relevante” porque “nos permite ofrecer unha oferta formativa estable e continua” de forma que “nos axuda a dar un mellor servizo ás persoas que queiran incorporarse ao sector e ás empresas que están a demandar persoal”.
O xerente do Consello Territorial de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción fixo referencia á necesidade de incorporar man de obra cualificada ao sector, que, debido ás xubilacións, necesita unha media de 3.500 persoas traballadoras por ano para manter a súa actividade, e dar solución a un dos principais problemas sociais hoxe en día: a falta de vivenda. García Novo salientou a necesidade da “cualificación” tanto para “acceder ao mercado laboral” como para “desenvolver unha carreira profesional”. “Por iso apostamos pola formación de Certificados Profesionais para que os futuros traballadores poidan evolucionar na súa carreira profesional”, remarcou.