A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia acolle a reunión do Padroado da Fundación San Calixto de Lugo
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou por primeira vez o Centro de Formación da entidade paritaria en Lugo, ubicado nas instalacións cedidas dende 2006 a raíz dun convenio coa Fundación San Calixto, constituída nos anos 90 para formar a persoas traballadoras do sector, e da que forma parte o Concello de Lugo.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia acolleu hoxe a reunión do Padroado da Fundación San Calixto de Lugo. O alcalde do Concello de Lugo, Miguel Fernández, visitou por primeira vez o Centro de Formación de Lugo da entidade paritaria, ubicado nas instalacións cedidas dende 2006 pola Fundación San Calixto, da que forma parte o Concello lugués.
O presidente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción (FLC), Diego Vázquez Reino, e o secretario da FLC en Galicia e presidente da Asociación Provincial de Empresarios de la Construcción de Lugo (APEC), José Manuel Rodríguez Espiñeira, acompañaron ao alcalde de Lugo e ao edil de Movementos Migratorios, Waldir Sinisterra, na visita ao Centro de Formación.
A entidade paritaria e o rexedor municipal mostraron a súa vontade de reforzar a cualificación de persoas traballadoras para paliar a falta de man de obra no sector. "É unha forma de favorecer o emprego na cidade, axudar a un sector clave para o crecemento de Lugo e incentivar que a poboación migrante se asente na cidade e poidan desenvolver en Lugo o seu proxecto de vida”, sinalou o alcalde.
Máis de 3.000 persoas formadas no Centro de Lugo dende 2020
Durante a reunión do Padroado da Fundación San Calixto, púxose de manifesto o traballo que se desenvolve dende o Centro de Formación de Lugo que, dende o ano 2020 ata o pasado mes de abril, formou a 3.225 persoas, das cales máis do 56% fixérono en oficios propios do sector; un 39% en seguridade e saúde laboral e un 5% en xestión.
No informe do presidente do Padroado, falouse doutras actividades enfocadas á mellorar a cualificación das persoas empregadas na construción e tamén a cubrir a demanda de persoal cualificado, mediante, por exemplo, o departamento de emprego da entidade paritaria en Lugo, que dende 2020 ata abril deste ano realizou preto de 5.500 entrevistas. Igualmente se fixo balance dos programas “Construyendo Empleo” e do Plan Integral de Emprego, que conta con algo máis do 73 por cento de inserción laboral.
Programa de inserción laboral coa ONG Rescate Internacional
Tras a reunión do Padroado e na visita ás zonas de prácticas preventivas, aos simuladores de riscos e aos distintos talleres e aulas de formación da FLC, púxose de manifesto a posibilidade dunha maior colaboración entre a Fundación Laboral e o Concello de Lugo, mediante o programa de inserción laboral impulsado en colaboración coa ONG Rescate Internacional.
Desde a posta en marcha desta iniciativa, en novembro do ano pasado, formáronse no Centro de Lugo 19 migrantes da citada ONG, que obtiveron as súas certificacións en revestimentos en construción, operacións de formigón e traballos en carpintería, logrando que 16 deles atoparan un posto de traballo, o que supón unha inserción laboral de máis do 84 por cento.