A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia celebrará unha nova xornada sobre o proxecto BENSEGURO en Ribadeo o 6 de marzo
Dirixida a profesionais da construción e a público xeral interesado en coñecer este programa enfocado en reducir a sinistralidade laboral no sector, a charla terá lugar ás 17.00 horas no Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo (Praza de España, 1, 27.700 Ribadeo (Lugo).
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia celebrará no Concello de Ribadeo (Lugo) o vindeiro 6 de marzo unha nova xornada sobre o proxecto BENSEGURO, dirixido a reducir a sinistralidade laboral no sector.
Orientada tanto a profesionais da construción como a público xeral interesado en coñecer este programa impulsado pola entidade paritaria e a Xunta de Galicia, a charla informativa terá lugar ás 17.00 horas no Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo (Praza de España, 1, 27.700 Ribadeo (Lugo).
O programa da xornada comezará ás 17.00 horas cunha presentación sobre os obxectivos de BENSEGURO, a cargo de Luis Vázquez de Soto, responsable de Seguridade e Saúde de FLC Galicia. A continuación, Susana Macías Marcos, técnica do programa, mostrará exemplos de riscos laborais atopados en obras menores durante as visitas realizadas polo servizo de asesoramento en seguridade e saúde laboral. A charla pecharase cunha quenda de rogos e preguntas.
Reducir a sinistralidade laboral no sector
O proxecto BENSEGURO, pioneiro en España, está dirixido a reducir a sinistralidade laboral no sector da construción, con especial atención ás obras menores, que concentran un maior volume de accidentes.
Entre as iniciativas impusadas ao abeiro deste programa, destacan as seguintes:
- Visitas a obras sen proxecto para informar sobre seguridade laboral e ofrecer in situ solucións axeitadas. Esta intervención directa permitirá actuar nos lugares onde se producen os riscos, complementándose cunha campaña de concienciación social centrada en promover a importancia da contratación responsable e segura.
- Asesoramento para facer fronte á sinistralidade que se concentra en pequenas empresas e intervencións de mantemento ou rehabilitación sen proxecto técnico. Este servizo conta cun equipo especializado formado por un/unha xefe/a de proxecto, un/unha técnico/a coordinador/a, un/unha técnico/a asesor/a e dous/dúas axentes despregados/as no territorio, un para A Coruña e Lugo e outro para Pontevedra e Ourense. O seu labor, de carácter preventivo, consiste en percorrer a xeografía galega asesorando en seguridade e saúde laboral. Esta intervención complementarase coa elaboración de informes non vinculantes que permitan coñecer o estado real das condicións de traballo no sector e deseñar políticas máis eficaces.
- Campaña de concienciación co obxectivo de informar a cidadanía sobre a importancia de contratar obras de xeito profesional, responsable e respectando as medidas de seguridade recollidas na normativa vixente. A iniciativa tamén abordará, desde unha perspectiva divulgativa, as implicacións legais que pode ter a contratación de servizos de construción sen as garantías adecuadas.
O proxecto terá vixencia ata o 30 de xuño de 2026, sendo prorrogable ata un máximo de 4 anos.