A Fundación Laboral de la Construcción e a Xunta amplían un ano máis o proxecto 'Benseguro' para reducir a sinistralidade laboral no sector
A iniciativa, dirixida a promover a seguridade e saúde laboral co foco nas obras menores, realizou máis dun milleiro de visitas de asesoramento en 235 concellos galegos entre setembro de 2025 e maio deste ano.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia e a Xunta de Galicia acaban de prorrogar por un ano máis -ata xuño de 2027- o proxecto 'Benseguro' para "avanzar e consolidar os logros" deste servizo de asesoramento en seguridade e saúde laboral de obras de construción.
O convenio asinado entre a entidade paritaria e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, dá continuidade a esta iniciativa co fin de "continuar co desenvolvemento e consolidación de resultados para dar resposta á elevada sinistralidade no sector da construción, especialmente en obras menores e en empresas de pequeno tamaño."
Entre setembro de 2025 e maio deste ano, o equipo técnico de Benseguro realizou máis dun milleiro de visitas de asesoramento a obras menores de 235 concellos das catro provincias galegas. No seu transcurso, emitíronse preto de 3.500 recomendacións preventivas e repartíronse arredor de 600 exemplares de material informativo.
Recomendacións preventivas destacadas
Entre as recomendacións preventivas máis destacadas neste primeiro período de Benseguro están as relacionadas con cuestións coma os equipos de protección individual, medios auxiliares (estadas e escaleiras), equipos de traballo e traballos en altura.
Todas estas actuacións —máis da metade vinculadas con obras de rehabilitación de edificios— forman parte do pioneiro plan de asesoramento que se está a impulsar para obras sen proxecto dentro desta iniciativa e que conta cun equipo especializado. Deste xeito, contribúen á mellora das condicións de seguridade neste sector e a avanzar no deseño de medidas nesta materia.
Ampliación do proxecto ata xuño de 2027
A prórroga deste convenio está dotada cun investimento total de 200.000 euros, dos que a Xunta achegará 120.000 euros e a Fundación o 40 % restante, e terá vixencia ata o 30 de xuño de 2027. Isto permitirá afianzar as visitas a obras e o plan de asesoramento, así como reforzar as accións de seguimento e de sensibilización e mellorar a difusión do proxecto Benseguro para chegar a un maior número de empresas e traballadores.
Nesta liña, entre as outras accións que abarca Benseguro está o funcionamento da Comisión Técnica de Seguimento da Seguridade e Saúde Laboral no sector da construción, formada por representantes da Consellería, do Issga e da Fundación Laboral da Construción, a través do Consello Territorial de Galicia, no que tamén están representados os axentes sociais do sector. Este grupo reúnese periodicamente co obxectivo de analizar as cifras de sinistralidade, avaliar as actuacións do proxecto e definir estratexias para mellorar as condicións de seguridade nas obras.
Actividades complementarias de concienciación
Outra acción da iniciativa é a campaña de concienciación social, centrada en promover a importancia da contratación de obras responsable e segura. A isto súmanse outras actividades complementarias, coma a elaboración dun mapa de riscos químicos no sector da construción, campañas e xornadas de promoción da saúde laboral e sesións técnicas en colaboración co Issga.
De feito, nesta primeira etapa de Benseguro destacan os contactos e accións de colaboración con concellos de toda Galicia, a organización de xornadas de sensibilización en materia de seguridade e saúde laboral e a distribución de distinto material divulgativo dirixido tanto a empresas coma á cidadanía.