Fundación Laboral de la Construcción impulsa o programa 'RenÓbrate' no Concello de Arteixo para incorporar a 20 persoas ó sector
Orientado á cualificación profesional e á inserción laboral no sector da construción, o programa está dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos.
Combina formación teórico-práctica durante 9 meses coa realización de actuacións de mellora en espazos públicos da contorna.
Fundación Laboral de la Construcción de Galicia impulsa o programa experiencial de formación e emprego 'RenÓbrate' en colaboración coa Xunta de Galicia, dirixido á cualificación profesional e á inserción laboral de persoas desempregadas no sector da construción. Arteixo será un dos concellos nos que se desenvolverá un dos proxectos do programa, con 20 participantes que combinarán formación teórico-práctica e experiencia profesional durante 9 meses.
Actuacións de albanelería en espazos públicos do concello
O proxecto que se porá en marcha no Concello de Arteixo incluirá 510 horas de formación. As 20 persoas participantes realizarán traballos de reformas e pintura de locais de uso público municipal, incluíndo acabados, pavimentación interior e reparación de mobiliario urbano.
As persoas participantes no programa serán contratadas pola Fundación Laboral de la Construcción mediante un contrato de formación en alternancia durante os nove meses de duración do proxecto, percibindo unha retribución equivalente ao 100 % do Salario Mínimo Interprofesional vixente. A actividade laboral práctica suporá, como máximo, o 65% da súa xornada laboral.
O obxectivo final de 'RenÓbrate' é que o 60% do alumnado participante formalice, no prazo máximo de dous meses dende a finalización do programa, un contrato de traballo durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas do sector relacionadas coas materias impartidas e ó ámbito territorial de Galicia.
Requisitos das persoas participantes
A selección das persoas participantes realizarase mediante un procedemento específico en colaboración coas entidades locais. Seleccionaranse 20 persoas así como unha listaxe de reserva. Así, o programa terá en conta o perfil das persoas participantes e a demanda do tecido produtivo, co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis flexible e conectado coa realidade laboral, complementando os itinerarios tradicionais cunha aprendizaxe vinculada ó traballo efectivo en cada contorna.
Os requisitos das persoas participantes son os seguintes:
- Estar desempregadas e ter 18 anos ou máis.
- Estar inscritas como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
- Cumprir os requisitos legais para formalizar un contrato de formación en alternancia durante toda a etapa do programa.
- Cumprir os requisitos de acceso ao nivel formativo ou ás especialidades que resulten aplicables.
- Aceptar as condicións básicas do proxecto.
Formación conectada coa actividade real
A iniciativa aposta por unha formación non vencellada a un itinerario regrado, senón conectada coa actividade real que desenvolverá o alumnado, para mellorar as súas oportunidades de inserción laboral no sector da construción.
O convenio do programa, asinado entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a entidade paritaria de Galicia, foi aprobado no Consello da Xunta e conta cun investimento de 1.890.208 euros para os anos 2026 e 2027.