Fundación Laboral organiza xunto a Cruz Vermella Santiago a xornada 'Mulleres no sector da construción' o 27 de xuño na súa sede de Santiago
A actividade, que terá lugar en horario de 16:30 a 18:30 horas, está dirixida a mulleres desempregadas co fin de ofrecerlles información sobre as oportunidades laborais do sector.
Fundación Laboral de la Construcción de Galicia celebrará a xornada 'Mulleres no sector da construción' organizada xunto con Cruz Vermella en Santiago o próximo 27 de xuño na sede da entidade paritaria en Compostela (Rúa Pontepedriña de Arriba, 13 (zona Romaño) en horario de 16.30 a 18.30 horas.
A actividade, dirixida a mulleres desempregadas, está incluída no proxecto 'Puentes por la Igualdad en el Empleo Plus' de Cruz Vermella en Santiago. O seu obxectivo é informar sobre as oportunidades laborais do sector a través dunha empresa da industria e dun faladoiro con mulleres traballadoras en construción.
Faladoiro con mulleres traballadoras
As mulleres que asistan -que poden inscribirse aquí- coñecerán a industria da construción a través de empresas que abordarán os beneficios da súa contratación así como as medidas de conciliación e de prevención de acoso e violencia de xénero.
Ademais, participarán nun faladoiro con mulleres traballadoras en construción que lles contarán a súa experiencia e coas que poderán interactuar para solventar as dúbidas que teñan sobre como é o seu día a día na industria.
Finalmente, as participantes e os seus fillos/as poderán achegarse á industria participando nunha dinámica de Prevención de Riscos Laborais básicos en obra a través dunha ferramenta de Realidade Virtual.
A necesaria incorporación da muller á industria
O Informe de Mulleres 2023 do Observatorio Industrial da Construción sinala que hai 6.487 mulleres traballando no sector en Galicia, que representan o 8,5% do total das persoas ocupadas da industria na comunidade e o 5,4% do total de mulleres empregadas en construción.
Malia que as mulleres adoitan ocupar postos técnicos e administrativos, hoxe en día seguen sen integrarse nos oficios da construción. Por iso, a incorporación de mulleres a pé de obra -carpinteiras, fontaneiras, electricistas ou pintoras- é máis necesaria ca nunca nun momento no que a industria precisa man de obra para cubrir a xubilación dos preto de 1.700 profesionais que se retiran cada ano.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia traballa en proxectos para impulsar a incorporación de mulleres á industria da construción, tanto dende o punto de vista do emprego como da orientación laboral. A entidade paritaria está preparando unha nova edición de ‘Construíndo en feminino’, un programa iniciado o ano pasado en colaboración con Fundación “laCaixa” para atraer mulleres ao sector e que conseguiu unha inserción laboral do 43,7% das participantes.