O Foro Económico de Galicia destaca que a construción é o sector con maior crecemento en Galicia, cun 7,6% no último trimestre de 2025
A entidade resalta no seu Informe de Conxuntura Socioeconómica IV/2025 que o crecemento do 2,2% da economía galega no derradeiro trimestre de 2025 se explica grazas á subida do 7,6% no sector da construción, fronte ao 3,3% da industria e o 2,1% do sector servizos.
O Foro Económico de Galicia destaca que "a construción é o sector con maior crecemento en Galicia, cun 7,6% no último trimestre de 2025", segundo indica no seu Informe de Conxuntura Socioeconómica IV/2025.
A entidade -integrada por profesionais da docencia universitaria, da investigación, do empresariado e do xornalismo de Galicia- resalta que o crecemento do 2,2% da economía galega no derradeiro trimestre de 2025 se explica grazas á "subida do 7,6% no sector da construción, fronte ao 3,3% da industria e o 2,1% do sector servizos, o que contrasta coa contraccción do 0,4% experimentada no sector primario".
Segundo se indica no informe, "por cuarto trimestre consecutivo o sector da construción presenta a taxa de variación interanual máis elevada en Galicia, cunha medra do 7,6%, a máis elevada dende o derradeiro trimestre de 2022, fronte ao 6,9% en España". O sector da construción concentra o 6,1% da poboación ocupada total en Galicia (71.900 persoas).
Maior dinamismo da economía galega
A nivel global, a economía galega “segue a caracterizarse polo seu maior dinamismo en comparación coa media europea e a dos países da zona euro”, segundo recolle o Informe.“Persiste unha certa ralentización no ritmo de crecemento da actividade económica de Galicia, pero 2025 foi un bo ano e 2026 seguramente tamén o será”, asegurou o director do Foro, Santiago Lago Peñas, que presentou o informe xunto a Fernando González Laxe (coordinador); Lucía Ferreira, xerente do Foro Económico de Galicia; Patricio Sánchez Fernández, e José Francisco Armesto Pina.
González Laxe destacou que “o PIB galego medrou no terceiro trimestre un 0,5%, fronte ao 0,6% de España e o 0,4% da media europea”. En termos interanuais, o PIB medra en Galicia un 2,2%, seis décimas por debaixo media española (2,8%), e seis por riba do conxunto da Unión Europea (1,6%).
Laxe explicou que “Galicia crece pola demanda interna, cun menor aporte da demanda externa”. En concreto, a demanda interna tivo no terceiro trimestre no 2025 unha achega de 1,9 puntos, fronte ás tres décimas no caso da demanda externa.
"Galicia necesita máis poboación en idade de traballar"
No que atinxe á demanda externa, as exportacións increméntanse un 2,1%, cinco décimas por riba do estimado para as importacións (1,6%). Francia, Portugal e Italia mantéñense como os principais destinos das vendas galegas ao exterior, ao acoller o 39,8% do valor total (o mercado europeo concentra o 82,5% das exportacións galegas), mentres que Portugal e China concentran o 23,3% das importacións.
“Se queremos mellorar a nosa productividade e o comportamento xeral da nosa economía, Galicia necesita máis poboación en idade de traballar e máis poboación en total, temos un problema demográfico”, recalcaron González Laxe e Lago Peñas, aportando varios datos significativos: a taxa de envellecemento (persoas de máis de 65 anos) en Galicia está no 26,6%, polo 21,1% da media europea, mentres que a taxa de natalidade situase no 5 por 1000 en Galicia, polo 8 por 1000 da Unión Europea.