A Fundación Laboral de Galicia convoca a oitava edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación, CEGOR
Preto de 150 persoas xa se formaron neste curso, organizado por Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, en colaboración co Consorcio de Santiago, e dirixido a profesionais e técnicos/as de rehabilitación, que comeza o próximo 17 de abril.
A oitava edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR), organizado por Fundación Laboral de la Construcción de Galicia coa colaboración e a cofinanciación do Consorcio de Santiago, celebrarase do 17 de abril ao 09 de novembro. Preto de 150 persoas xa se formaron dende 2019 nesta acción formativa dirixida a profesionais, técnicos/as e xefes/as de obras de rehabilitación.
O curso, que se impartirá os venres de tarde e os sábados de mañá no Centro de Formación de Santiago (Rúa Pontepedriña de Arriba, 13 (zona Romaño) da entidade paritaria, representa unha especialización única en Galicia nun dos campos máis en auxe hoxe en día en construción: a rehabilitación. A chegada dos fondos de Recuperación Next Generation EU supuxo un impulso á reforma de edificacións, co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética e de reducir o seu consumo e emisións xa que, hoxe en día, os edificios representan o 40% do consumo de enerxía final da Unión Europea, segundo a Directiva 2012/27/UE.
Dende a entidade paritaria destácase a importancia desta formación xa que a rehabilitación é un motor económico para a industria da construción, que segue a manter un crecemento sostido e favorece múltiples oportunidades de emprego e negocio para persoal traballador, técnico, empresarios e inversores da construción.
Por outro lado, a rehabillitación axuda a lograr un parque de inmobles máis sostible e habitable, algo fundamental para conseguir unha sociedade cuns estándares de calidade de vida mellores e para reducir o impacto medioambiental.
Formación con 40 expertos/as da industria
A xestión das obras de rehabilitación require dunha estratexia e práctica profesional específica e diferente á adquirida na construción de nova planta. De aí a necesidade de que as persoas profesionais que traballan neste ámbito se poñan ao día con formación como a do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación.
Un curso que permite ao seu alumnado a formarse con ata 40 expertos/as recoñecidos/as do sector a través de clases teóricas e talleres demostrativos prácticos sobre as distintas técnicas e oficios da rehabilitación tales como estucado, cantería, forxa ou madeira. Ademais, a formación inclúe visitas de estudo a empresas e profesionais artesáns do sector para coñecer distintos materiais construtivos.
Baixo a coordinación do arquitecto Ángel Panero, o CEGOR aporta unha visión integral da xestión dunha obra de rehabilitación, dende os trámites administrativos e legais ata a xestión económica, pasando polo coñecemento de materiais e técnicas así como as instalacións e a eficiencia enerxética.
Inscrición no curso
- Requisitos: Titulación relacionada coa materia ou acreditación da experiencia profesional.
- Custo do curso: 500€
- Proceso de admisión: para realizar a matrícula no curso deberá remitir a Rosa Calvo (rcalvo@fundacionlaboral.org) de Fundación Laboral de la Construcción a seguinte documentación:
- Ficha de inscrición.
- Currículum Vítae.
- Copia do D.N.I.
- Copia da titulación relacionada ou vida laboral. No caso dos estudantes de último ano poderán remitir copia da matrícula do centro de estudos.
- Xustificante bancario correspondente ao pago do curso (n.º de conta (BBVA): ES18 0182 5947 180011500028
*É necesario que no concepto figure o seguinte texto: Concepto: CEGOR – DNI alumno)
A admisión no curso realizarase por rigurosa orde de inscrición, sempre e cando se cumpra cos requisitos esixidos e se presente a documentación indicada.